venres, 29 de marzo de 2013

Os menús coresmais



Os menús coresmais


En Santiago, do 22 ao 31 de marzo, aproveitando a Semana Santa, diferentes restaurantes e hoteis ofrecen menús coresmais con pratos de vixilia e cociña de mosteiros. O luns estivemos no restaurante "A Charca", que queda para alá na rúa do Franco, e pedimos potaxe de garavanzos e vieira ao forno, de primero; pescada á galega e robalo (ou robaliza) con grelos, de segundo; e para rematarmos, torrixas con canela. Todo de bocado de cardeal, que para iso estamos na Coresma.



O mercores, fomos a María, o Pepe e a Montse dos toleiráns ao restaurante do hotel AC Palacio del Carmen.

  Nun contorno requintado, nun comedor con mesas con manteis brancos, música estilo Enya, os teitos e os chans de madeira, as paredes de pedra decoradas cunha exposición de obras da Nuria Ruibal.


O trato non só foi correcto mais tamén cordial E SEMPRE EN GALEGO, cousa que os toleiráns valoramos moito moitísimo.






  
O menú foi potaxe de garavanzos con espinacas e améndoas, e empanada de sardiñas, de primero; bacallau con cebola caramelizada, mazás e pasas, de segundo; e, de sobremesa, torrixas á augardente con espetada de froita e xelado.


 









 O Pepe non quedou atrás e pediu ovo de chocolate recheado de caramelo e escuma de mango. Todo foi acompañado cun Godello de Joaquin Rebolledo... e todo deu para o nomeamento das cinco estrelas que ten o hotel.
  

Estas paixases estanvos a 5 minutos do centro de Santiago


 
Está mesmo á beira do río Sar, que baixaba todo cheo de auga porque van moitos días de chuvia que non para e amola os que viven aquí, pero que para nós engade un plus de encanto, de romanticismo e naturalidade.





 "A ra que en marzo raquea, en abril rabea" (Refraneiro galego)

xoves, 14 de marzo de 2013

Benvido Biel!!!

Hoxe, ás 15:05, naceu o Biel, o fillo da Lorena e do Rubén, neto do Sixto, sobriñoneto da María e meniño adoptivo dos toleirans!!!


                                      BENVIDO!!! 

Ai, que pequeno tan lindo,
tan bonito non o hai,
vou comerlle a cara a bicos
de bonitiño que está.
E durme, meu neno,
durme, meu amor,
que saíu a lúa,
tamén dorme o sol.
Ao meu neniño pequeno,
pequeno, como lle eu quero,
con vara e media de tea
fágolle un vestido e medio.
E durme, meu neno,
durme, meu amor,
que saíu a lúa,
tamén dorme o sol.


(Canción de berce: A bicos)







BENVIDO!!



luns, 11 de marzo de 2013

Seduïts per l'art


En 1955 o pianista Glenn Gould fixo en Nova York unha interpretación rupturista das Variacións Goldberg de J. Sebastian Bach. Atinxiu un grande éxito de vendas, e desde entón téñense feito diferentes versións e interpretacións.

  
O sábado pasado fomos ver e desfrutar dunha destas versións no concerto do músico Uri Caine e o seu grupo, no Caixa Fòrum. O Uri Caine, acompañado de piano, trompeta, saxo, clarinete, batería, violoncelo, un DJ e a voz da Barbara Walker, demostrounos como se pode mesturar o jazz e a música barroca.


Maisie Broadhead "Que non perdan dozura"

  O concerto era  complementario á exposición

  "Seduïts per l'art. Passat i present de la fotografia / Seducidos pola arte. Pasado e presente da fotografía", unha mostra  que relaciona a fotografía do século XIX con fotógrafos contemporáneos e mestres da historia da arte.  Anteriormente, expuxérase na National Gallery de Londres e agora está a exporse en Barcelona.
Ori Gersht "Blow up- sen título 5" 2007






 Marzo marzal: a maña, clara ; e a tarde, cara de can.
(Refraneiro popular galego)       
Hai máis de 40  obras provenientes de diferentes museos e de coleccións particulares.














As pinturas e as  fotografias antiguas e contemporaneas,  presentanas agrupadas en xéneros tradicionais, como o retrato, a natureza morta e as paisaxes para mostrarnos as relacions que hay entre elas tecnica e artisticamente falando.



domingo, 3 de marzo de 2013

NEVE


 
Empeza marzo cheo de neve como hai anos que non se acordaba. Os Pireneos están a vivir un inverno histórico pola gran cantidade de precipitacións, din os xornais.

Deixo unhas fotos que sacou o Pepe nesta fin de semana pasada, cando foi practicar esquí de fondo a Salardú, na estación de Pla de Beret.



Rúa de detrás do hotel


Salardú


As paisaxes son brancas, frías, ben típicas do inverno. Bonitas!



 A neve ten faces diferentes. Por unha banda, as estacións de esquí teñen garantida a temporada turística. Por outra banda, que é a parte negativa do choio, está a morte de animais como cervos, corzos e gamos pola falta de comida (en cotas de 1000 ou 1500 m a neve pode atinxir os 3 m de altura) e porque quedan atrapados (as nevadas sen xeadas fan que os animais se enterren até a barriga, mesmo que se metesen nunha trampa). Os gardas rurais levan localizados máis de cen cadáveres e pensan que pode haber máis.
Inverno!

A practicar o esquí de fondo







En marzo, podar e cavar, se queres colleitar (do refraneiro popular galego).











luns, 18 de febreiro de 2013

A cervexa belga


Bélxica é o país da cervexa. Produce ao redor de 500 clases de cervexa diferentes, cada unha coa súa copa con distintivo propio da marca.


Comercios onde venden as cervexas, cada unha cos seus copos ou coas súas copas.



Porta de entrada na Die Maene
En tempos, houbo milleiros de destilarías, porén na actualidade só queda unha en Bruxas:  a Die Maene (A Lúa) desde 1594. A cervexa desta fábrica chámase Brugge Zot (O louco de Bruxas) polo alcume histórico que se lle dá á xente desta cidade.


Patio da fábrica Die Maene
Nós probamos a Doubel, a Tripel e tamén a Quadrupel, todas tres moi saborosas. Acompañámolas de queixo con mostaza e salami con pementa.

Esta cervexaría queda para alí nunha praziña que se chama Walplein, engaiolante, toda chea de cafés, de restaurantes (nun deles ceamos os famosos mexillóns con patacas fritas, un dos pratos típicos da cociña belga) e de tendas.



Na cidade de Gante estivemos tamén na praza Vrijdagmarkt, nunha típica taberna flamenga, a Dulle Griet, que ten para aí máis de 200 cervexas diferentes para catar. Alí mollamos a palleta con algunhas cervexas propias de Gante, como  a Stropken.


Interior da Dulle Griet




Tamén é moi famosa a Kwak, que se serve en vasos de 1,5 l. Tes que deixar un zapato como peñor, por fose o caso que non a deses bebido toda.





 Mirade se non haberá ben clases de cervexa, que por diante da nosa mesa vimos o anuncio da Saint Sixtus e da Julius (fixémoslles fotos e brindamos polos dous toleiráns que ata marca de cervexa teñen).
















A famosa Quadrupel, con sopa de tomate e todo, para combater o frío (quécese a escape).




"Na lúa de febreiro farás o teu sementeiro"  (do refraneiro popular galego).                                  



domingo, 17 de febreiro de 2013

Bruxas, Bélxica.

A semana pasada tres dos toleiráns, o Pepe, a Montse  máis eu, botamos tres días en Bruxas, Brugge para os flamengos.

 





Esta pequena cidade, que pouco máis ten de 100.000 habitantes, parece que quedou parada na época do medievo. 


                                            


Bruxas está toda chea de bonitos canais e pontes fermosas. De feito, chámanlle a Venecia do norte. 



 
                   





A parte vella foi declarada patrimonio da humanidade pola UNESCO.





                    




   Hai barcas que levan os turistas coma nós polos canais adiante, a darlles unha volta.       
  Antigamente, estes canais chegaban ata o mar do Norte e eran vía de comunicación para  
  levaren os famosos e valorados tecidos de Flandres para o resto de Europa.



       Fomos dar un paseo polas súas famosas prazas de Markt e Burg. Despois, fomos ver as torres da catedral, do campanario e a de Nosa Señora. Tamén fomos visitar o museo Groeninge para coñecermos os antigos flamengos.
O luns despertamos con neve. Non se paraba co frío,  que tornaba os recunchos en imaxes de fotografías únicas.
              

O chocolate belga ten sona de ser un dos mellores do mundo. E sabe moito por certo. Hai unha chea de tendas repletas de bombóns de formas e sabores diferentes. Os escaparates sonvos verdadeiras obras de arte, como ben podedes comprobar na foto. 




Auga de febreriro fai bo palleiro (do refraneiro popular galego).  





                                                                                                                                                                                                  
 
                                                         




luns, 28 de xaneiro de 2013

O legado de J. Pollock

O xoves pasado achegámonos a Montse a mais eu á Fundación Miró: Explosión! O legado de J. Pollock: 68 obras de 35 artistas diferentes.


1950: fotografia do Hans Namuth para a revista LIFE



Jacson Pollock (1912-1956) foi o primeiro pintor que tirou a tea do cabalete, estendeuna no chan e deixou que fosen caendo as pingas ao chou en canto ía andando por riba ela. 
Este novo concepto de pintar, a acción de pintar de seu, mesmo orixinou unha nova terminoloxía que inclúe painting (pinturilar), happening (acontecemento), performance (actuación), e formulacións máis conceptuais na pintura: non só ten importancia o resultado final mais tamén as ideas e os novos métodos durante o proceso creativo.





Así, aparecen os artistas que viviron a explosión do novo concepto da arte: eis as pinturas feitas cos pés de Kazuo Shiraga, as obras resultado de guindar botellas cheas de pintura de Shozo Shimamoto ou as que son produto dos disparos feitos contra globos de pintura da Niki de Saint Phalle, as actuacións de modelos espidas usadas como pinceis por Yves klein... Son conceptos moi novos para nós, mais fascinantes ao mesmo tempo.


Janine Antoni: o corpo é o protagonista na acción de pintar.

Para o comisario, Magnus Petersen, a exposición, máis que unha colección de obras, é «unha mostra de prácticas artísticas xurdidas a partir da pintura de Pollock e o movemento Gutai».

Nós as dúas saímos ben contentas, como meniñas entusiasmadas polo que temos que aprender e coñecer sobre a arte!!!




"Ao lobo en xaneiro, sábelle o can como carneiro" (do refraneiro popular galego).

sábado, 19 de xaneiro de 2013

Café-faladoiro coa Sabela

Onte, venres día 18, achegámonos ao Centro Galego de Barcelona para escoitar a Sabela Labraña, benquerida e entusiasta profesora de galego de case todos nós, na conferencia intitulada Pode sobrevivir o galego co sistema educativo actual en Galiza?



Primeiro, a Sabela fixo un percorrido de  lembranza desde a Idade Media, cando o galego falábao todo o mundo e cunha literatura esplenderosa recoñecida mundialmente; seguiu a falar  dos séculos escuros cos Reis Católicos, o Rexurdimento con Rosalía, Curros e Pondal, (unha anécdota das moitas da charla que me chamaron atención foi que entre Rosalía e Murguía, loitadores polo prestixio da lingua, na casa falaban castelán), Irmandades da Fala, Xeración Nós, Editorial Galaxia, o gran traballo que fan os galegos na emigración, os decretos  que autorizan a entrada das linguas rexionais na escola no 1975, o problema da normativa liguistica en Galiza (non temos un Pompeu Fabra como en Cataluña, cos problemas que iso crea no ensino), a división da poboación dos que estan a favor o en contra do galego, dos  cursos de galego para adultos para que os galegos coñezan a lingua... até chegarmos ao momento actual: os falantes de galego estan a baixar, segue a división coa escolaridade en galego, decreto de Feijoo de plurilinguismo... 

E agora, que vai pasar? No faladoiro comentouse a importancia da fala cos fillos, a importancia da escrita e a necesidade de máis axuda da Administración. 

Pensamos que todo cómpre, mais o futuro está en nós, nos galegos, na consciencia de galeguidade, do noso.

O Goberno Galego tiña de saber que disparar contra a lingua é disparar contra a alma da identidade galega. Tamén tería de crer no pobo galego, axudar e dar exemplo.

Moi interesante o faladoiro.


Aproveito para mostrar algúns dos pósters da exposición "Nós Mesmos" Asociacionismo Galego na Emigración, organizada polo Consello da Cultura Galega. Van ligados ao que estivo a falar a Sabela sobre o gran traballo dos galegos na emigración.

 




















"En xaneiro, sete capelos e un sombreiro" (do refraneiro popular galego). 












C


luns, 31 de decembro de 2012

Cera, 23

Hoxe acaba este ano, de modo que os mellores desexos para os toleiráns e para os que ledes este blogue. 
Temos de ser aínda máis felices que neste ano 2012!
                         

Ben, unha anotación sobre o Restaurante Cera 23, o nome fai referencia a súa localización, nesa rúa do Raval.
Lacón caramelizado




Este venres pasado fomos cear os toleiráns que quedamos por Barna. Estivemos a falar de proxectos e novas viaxes. Estas conversas encántannos.










Bonito con sésamo e puré de batata

O sitio é novo de hai pouco. Lévano tres rapaces, dous deles galegos (quedaron abraiados cando nos ouviron falar en galego vivindo en Barna). 

Os pratos: lacón cocido caramelizado (cortado moi fino como se fose xamón e respetando o mollo con pimentón doce e con piñóns: diferente pero bo, bo!), volcán de arroz negro con mollo de camembert, solombo de vitela, e cadrados de bonito en sésamo con puré de batata. Todo regado cun Mencía do Bierzo. De sobremesa, unha crema de mango moi fina e saborosa.

Cionvidáronos a chupito de augardente.









Estivemos moi ben atendidos. O sitio, cheo, e cando acaban as ceas convértese en pub musical, aberto ata as tres da mañá, de modo que alí quedamos a tomar a copa. 

A Montse probou un mojito de mora, invento da casa que lle soubo.

Os cervos dan voltas ao redor  porcausa do calor da vela. Desfrutamos como meniños!
                              
                                            Benvido, 2013!

sábado, 22 de decembro de 2012

CÓMO CELEBRAR O FIN DO MUNDO AZTECA

Estes días falábase do calendario azteca, do fin do mundo.
Decidímolo celebrar, por se fose o caso...



A Montse, o Pepe e mais eu achegámonos ao clube de jazz JAMBOREE para escoitarmos  o grupo La vella Dixieland & Marian Barahona (o Pepe e un gran coñecedor do jazz e foi súa a idea). O grupo toca de marabilla e contaron coa compañía da Marian Barahonda, que ten unha voz perfecta para cantar clásicos de jazz (da Billie Holliday, do Miles Davis...) e cancións preciosas como You are my sunshine. 
Saímos encantados e co ánimo disposto a morrer, se fose preciso.


Tartar de bonito e dourada, e berenxenas ao mel
Lagostinos salteados
Fomos cear alí ao bar Cañete, un local onde elaboran os pratos con moito coidado, moi saborosos. A boca enchéusenos de sabores: tartar de bonito e dourada, berenxena ao mel, lagostinos salteadas, segredo e vaca vella con foie ao estilo Rossini. Todas estas delicadezas acompañámolas cun viño branco de Valdehorras: Valdosil.

Segredo

Vaca vella con foie ao estilo Rossini
Pastel de chocolate
Terminamos a noite outra vez na praza Reial (que mudanza para ben está a facer esta praza; ten un punto romántico, unha categoría que antes non tiña). Fómoslle tomar algo alí ao Ocaña, un local enorme e moderno cunha restauración coidadísima que lle dá un toque moi chique. De certo, xa é un referente da noite de Barna.  (O nome do chilote fai honra ao pintor transgresor José López Ocaña, que viviu 12 anos na casa do lado.) Ás dúas da mañá, cando saímos, había fila para entrar.

Foi unha noite de nivel!