domingo, 9 de xuño de 2013

DALÍ E OS TOLEIRÁNS

Nos días que estivemos xuntos, aproveitando que estabamos no Empordà, achegámonos ata Púbol, unha aldea preciosa, para vermos o castelo onde viviu Gala e que agora é unha casa museo.
Escaleira de entrada

Entrada


  
 

O castelo é un edificio medieval, do século XI, cheo de taxidermias, frescos do Dalí e   decoracións singulares. Foi o seu derradeiro obradoiro após a morte da Gala. 
Pódese visitar o cuarto da Gala, o dos convidados, o cuarto de baño, a biblioteca, os salóns, a azotea, a cociña... No andar de riba, no desván, hai unha mostra de traxes da Gala, e embaixo  pódese ver o mausoleo onde esta enterrada e o garaxe cos coches deles.


Fóra hai un coidado xardín, daliniano ao cen por cento, cos seus coñecidos elefantes e cun estanque todo cheo de estatuas de Wagner.








Paga a pena velo!
Acabamos comendo na sempre preciosa vila de Cadaqués. 





"A auga de San Xoán leva o viño e tolle o pan" (Refraneiro galego)



            









venres, 24 de maio de 2013

Dia das letras galegas cos Toleirans




A fin de semana pasada, como cada ano xuntamonos os Toleirans, todos, en unha casa rural, Can Brancos, e coincidiu que o venres era  o Dia das Letras Galegas adicado este ano a Roberto Vidal Bolaño.














Decidimos facer unha lectura despois de cear, cada un escolleu a sua.
Houbo de todo, poesia, Vidal Bolaño, Blanco Amor, Otero Pedrayo... 

Disfrutamos moito, sobretodo con Otero Pedrayo, motivounos a todos e a sua escrita fixo en un momento que o noso corazón estivera cheo de amor por Galiza. 

















Lar de Can Brancos (Montse Cachafeiro 2013)








"A auga de maio carga o carro" (Refraneiro galego)

ARTE CONTEMPORÁNEA NA UB




Seer (Alice I), Kiki Smith (2005)
As estatuas que desde finais do XIX custodian o vestíbulo do edificio histórico da Universidade de Barcelona(UB) teñen hoxe unha compañía contemporánea. A partir de onte as figuras de santo Isidoro de Sevilla, Averroes, Afonso X, Ramón Lull e J. Luis Vives que decoran as tres naves da entrada comparten piares coa protagonista de Alicia no país da marabillas. A escultura de bronce recuberta dunha pátina branca é de Kiki Smith, e é a primeira de oito pezas da Fundació Sorigué, situada en Lleida, que se pode visitar.




  The return,  Bill Viola (2007)
                                                                                                      
No vestíbulo pódese ver unha videoproxección de B. Viola. A auga é a chave: fai que unha muller cunha figura fantasmal, ao atravesar a auga,  pase a mostrar un corpo material, usando tons que van dos grises ao colorado.




                                                            Young man standing, Leonard McComb (2003)

    
Na galería do Paraninfo está a escultura dourada dun home a tamaño real, obra de Leonard McComb. A partir de aquí podemos escoller entre entrar na Aula Magna, a biblioteca ou o propio Paraninfo para desfrutarmos da vídeoarte de William Kentridge, Marco Brambilla, Marina Alexeeva e Kuo I-Chen.


Introduction,  Kuo I-Chen (2007)


A vídeoarte é unha experiencia nova para nós, diferente do que estamos acostumados a ver. A imaxinación vai da man do vídeo, e móstranos vivencias cheas de poesía e humanidade.

Paga a pena velo!








"Maio me molla, maio me enxuga, racha de sol, racha de chuvia" (do refraneiro galego)


luns, 8 de abril de 2013

Exposicións en Ourense II

Fondo do almario 



No Centro Cultutal da Deputación de Ourense, tres artistas, tres mulleres do noso tempo, Anamusma, Cachito Álvarez e Zulema Sánchez, expuxeron os seus traballos. Traballos moi diferentes todos eles, non só polo que mostran senón tamén polos materiais e as temáticas que van dende o erotismo ata a reciclaxe e o consumismo.

Zulema Sánchez
Zulema Sánchez,  cunha aparente e despreocupada sinxeleza, trata aspectos cotiáns da vida. Xanelas, balcóns coa súa roupa estendida onde contrasta a dozura da súa obra coa rudeza dos materiais empregados (madeiras DM, armarios, resinas industriais...).
 
Anamusma

Anamusma –que ten no seu haber diversos proxectos alternativos para a comercialización da obra de arte mantén a condición de muller como fío argumental do seu traballo, onde se poden ver vestidos-cortiza ou obxectos cotiáns con tratamentos sorpendentes.
 


Cachito Álvarez

Cachito Alvarez, a única ourensá, aposta pola reciclaxe e a moda como elementos de diálogo artístico, e enche os espazos con composicións nas que usa teas, cordas, fotografías, botóns ou obxectos domésticos. 


No Centro tamén hai outra exposición:  15 Contos Breves e Extraordinarios, que é unha mostra do traballo conxunto de 15 persoas con diferentes (dis)capacidades e artistas contemporáneos galegos. Para alén de mostrar as 15 obras , tamén se pode ver a experiencia vivida a través das fotos. Creo que é a primeira experiencia ao redor da arte contemporánea e a discapacidade.

http://fotos01.laopinioncoruna.es/fotos/noticias/318x200/2012-10-15_IMG_2012-10-08_01.10.24__8457587.jpg
Parabens!!!!



 Un último apuntamento:
Estase a facer un ciclo de cinema en galego: "Nos vieiros da mente". Neste programa, inclúense un total de seis películas cuxa temática é a mente humana, facendo referencia a diversas patoloxías. Vanse proxectar na   Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Ferrol e Vigo. O acceso a estes ciclos é gratuíto até completar o aforamento.
O cartel é:  "Wilbur quérese matar", "Leaving las Vegas", "Unha mente marabillosa", "As virxes suicidas", "O aviador" e "O club da loita", cada xoves até o 23 de abril.










Que alegría de poder contar todas estas cousas!






"Abril e maio son as chaves do ano" (do refraneiro galego).

domingo, 7 de abril de 2013

Exposicións en Ourense I



"Da fantasía á realidade. Pintura en Galicia de 1833 a 1936"

"A nena e a volvoreta", 1936,  Julia Minguillón
A mostra é unha escolma de traballos de artistas descoñecidos para nós, como Villamil, Ovidio Murguía (fillo de Rosalía e Murguía), Llorens, Avendaño, Alfredo Souto, Sotomayor ou Julia Minguillón.

"Paisaxe con casa e barcos", 1907, Serafín Avendaño
A maioría das obras son as nosas paisaxes, a xente e particularidades do cotián. Como di o tríptico da exposición: "terra, xente e vida son os tres parámetros desde os que se estruturan as temáticas da mostra"

El emigrante, A. Rguez Castelao, 1916
Regreso del indiano, A. Rguez Castelao, 1918


As obras son todas das caixas de aforros galegas.














Movementos como o romanticismo, o realismo e o rexionalismo paséanse polas obras.










Cruceiro da Parda, Alfredo Souto, (1862-1940)

Anímovos a ver esta interesante mostra do noso. É ben agradábel de ver.
Nós tivemos a sorte de ter como guía o JulioArturoArmengolYamique, que nos levou pola exposición adiante como alumno avantaxado en arte.


Pódese desfrutar da exposición ata o 23 de xuño no Centro Social Novacaixagalicia, na Praza Maior de Ourense.


Polo dez de abril, cuco morto ou non quer vir  (do refraneiro galego).

sábado, 6 de abril de 2013

Xuntanza nas Curuxeiras

O Venres Santo xuntámonos todos os toleiráns, menos o Sixto, que viña de camiño, nas Curuxeiras.


Para alén de desfrutarmos dunhas cervexas no bar da aldea cuns petiscos de tortilla, e logo despois da excelente comida que nos tiñan preparada, desfrutamos tamén do seu xardín e da súa horta. Todo moi ben coidado e con moito xeito.

Mirade para aí que camelias!!!
Choveu todo o dia. Aínda asi achegámonos ata Allariz. Había para alí unha feira de artesáns no vello curtidoiro. O Arnoia levaba moitísima auga, de feito saírase do leito en Baños de Molgas o día antes.

  
Continuamos ata Ourense para ir tomar uns viños no "Bar Orellas". Probamos unha ración nova, de friame de lacón con grelos, e ata votamos e todo nun papelciño que nos deron para valorar a nova ración.


Cada vez hai menos fé!!!
O bar estaba a rachar de xente desfrutando dos petiscos e das racións, a maioria de porco.  E era Venres Santo!!!












Acabamos no café Bohemio con cafés e copas (sen alcol para os que tiñamos de conducir de volta).
O tempo pasou  en pórmonos ao día das nosas vidas, e en falarmos de novos proxectos e xuntanzas. Un día típico dos toleirans!!!
 
Especialmente para o XulioArturoArmengolYamique (foto do Café Bohemio)


Con este beixo, seguro que todos os toleiráns sorrides.
Diso se trata!!!





"En abril, céase con sol e déitase sen candil" (Refraneiro galego)

venres, 29 de marzo de 2013

Os menús coresmais



Os menús coresmais


En Santiago, do 22 ao 31 de marzo, aproveitando a Semana Santa, diferentes restaurantes e hoteis ofrecen menús coresmais con pratos de vixilia e cociña de mosteiros. O luns estivemos no restaurante "A Charca", que queda para alá na rúa do Franco, e pedimos potaxe de garavanzos e vieira ao forno, de primero; pescada á galega e robalo (ou robaliza) con grelos, de segundo; e para rematarmos, torrixas con canela. Todo de bocado de cardeal, que para iso estamos na Coresma.



O mercores, fomos a María, o Pepe e a Montse dos toleiráns ao restaurante do hotel AC Palacio del Carmen.

  Nun contorno requintado, nun comedor con mesas con manteis brancos, música estilo Enya, os teitos e os chans de madeira, as paredes de pedra decoradas cunha exposición de obras da Nuria Ruibal.


O trato non só foi correcto mais tamén cordial E SEMPRE EN GALEGO, cousa que os toleiráns valoramos moito moitísimo.






  
O menú foi potaxe de garavanzos con espinacas e améndoas, e empanada de sardiñas, de primero; bacallau con cebola caramelizada, mazás e pasas, de segundo; e, de sobremesa, torrixas á augardente con espetada de froita e xelado.


 









 O Pepe non quedou atrás e pediu ovo de chocolate recheado de caramelo e escuma de mango. Todo foi acompañado cun Godello de Joaquin Rebolledo... e todo deu para o nomeamento das cinco estrelas que ten o hotel.
  

Estas paixases estanvos a 5 minutos do centro de Santiago


 
Está mesmo á beira do río Sar, que baixaba todo cheo de auga porque van moitos días de chuvia que non para e amola os que viven aquí, pero que para nós engade un plus de encanto, de romanticismo e naturalidade.





 "A ra que en marzo raquea, en abril rabea" (Refraneiro galego)

xoves, 14 de marzo de 2013

Benvido Biel!!!

Hoxe, ás 15:05, naceu o Biel, o fillo da Lorena e do Rubén, neto do Sixto, sobriñoneto da María e meniño adoptivo dos toleirans!!!


                                      BENVIDO!!! 

Ai, que pequeno tan lindo,
tan bonito non o hai,
vou comerlle a cara a bicos
de bonitiño que está.
E durme, meu neno,
durme, meu amor,
que saíu a lúa,
tamén dorme o sol.
Ao meu neniño pequeno,
pequeno, como lle eu quero,
con vara e media de tea
fágolle un vestido e medio.
E durme, meu neno,
durme, meu amor,
que saíu a lúa,
tamén dorme o sol.


(Canción de berce: A bicos)







BENVIDO!!



luns, 11 de marzo de 2013

Seduïts per l'art


En 1955 o pianista Glenn Gould fixo en Nova York unha interpretación rupturista das Variacións Goldberg de J. Sebastian Bach. Atinxiu un grande éxito de vendas, e desde entón téñense feito diferentes versións e interpretacións.

  
O sábado pasado fomos ver e desfrutar dunha destas versións no concerto do músico Uri Caine e o seu grupo, no Caixa Fòrum. O Uri Caine, acompañado de piano, trompeta, saxo, clarinete, batería, violoncelo, un DJ e a voz da Barbara Walker, demostrounos como se pode mesturar o jazz e a música barroca.


Maisie Broadhead "Que non perdan dozura"

  O concerto era  complementario á exposición

  "Seduïts per l'art. Passat i present de la fotografia / Seducidos pola arte. Pasado e presente da fotografía", unha mostra  que relaciona a fotografía do século XIX con fotógrafos contemporáneos e mestres da historia da arte.  Anteriormente, expuxérase na National Gallery de Londres e agora está a exporse en Barcelona.
Ori Gersht "Blow up- sen título 5" 2007






 Marzo marzal: a maña, clara ; e a tarde, cara de can.
(Refraneiro popular galego)       
Hai máis de 40  obras provenientes de diferentes museos e de coleccións particulares.














As pinturas e as  fotografias antiguas e contemporaneas,  presentanas agrupadas en xéneros tradicionais, como o retrato, a natureza morta e as paisaxes para mostrarnos as relacions que hay entre elas tecnica e artisticamente falando.