luns, 18 de febreiro de 2013

A cervexa belga


Bélxica é o país da cervexa. Produce ao redor de 500 clases de cervexa diferentes, cada unha coa súa copa con distintivo propio da marca.


Comercios onde venden as cervexas, cada unha cos seus copos ou coas súas copas.



Porta de entrada na Die Maene
En tempos, houbo milleiros de destilarías, porén na actualidade só queda unha en Bruxas:  a Die Maene (A Lúa) desde 1594. A cervexa desta fábrica chámase Brugge Zot (O louco de Bruxas) polo alcume histórico que se lle dá á xente desta cidade.


Patio da fábrica Die Maene
Nós probamos a Doubel, a Tripel e tamén a Quadrupel, todas tres moi saborosas. Acompañámolas de queixo con mostaza e salami con pementa.

Esta cervexaría queda para alí nunha praziña que se chama Walplein, engaiolante, toda chea de cafés, de restaurantes (nun deles ceamos os famosos mexillóns con patacas fritas, un dos pratos típicos da cociña belga) e de tendas.



Na cidade de Gante estivemos tamén na praza Vrijdagmarkt, nunha típica taberna flamenga, a Dulle Griet, que ten para aí máis de 200 cervexas diferentes para catar. Alí mollamos a palleta con algunhas cervexas propias de Gante, como  a Stropken.


Interior da Dulle Griet




Tamén é moi famosa a Kwak, que se serve en vasos de 1,5 l. Tes que deixar un zapato como peñor, por fose o caso que non a deses bebido toda.





 Mirade se non haberá ben clases de cervexa, que por diante da nosa mesa vimos o anuncio da Saint Sixtus e da Julius (fixémoslles fotos e brindamos polos dous toleiráns que ata marca de cervexa teñen).
















A famosa Quadrupel, con sopa de tomate e todo, para combater o frío (quécese a escape).




"Na lúa de febreiro farás o teu sementeiro"  (do refraneiro popular galego).                                  



domingo, 17 de febreiro de 2013

Bruxas, Bélxica.

A semana pasada tres dos toleiráns, o Pepe, a Montse  máis eu, botamos tres días en Bruxas, Brugge para os flamengos.

 





Esta pequena cidade, que pouco máis ten de 100.000 habitantes, parece que quedou parada na época do medievo. 


                                            


Bruxas está toda chea de bonitos canais e pontes fermosas. De feito, chámanlle a Venecia do norte. 



 
                   





A parte vella foi declarada patrimonio da humanidade pola UNESCO.





                    




   Hai barcas que levan os turistas coma nós polos canais adiante, a darlles unha volta.       
  Antigamente, estes canais chegaban ata o mar do Norte e eran vía de comunicación para  
  levaren os famosos e valorados tecidos de Flandres para o resto de Europa.



       Fomos dar un paseo polas súas famosas prazas de Markt e Burg. Despois, fomos ver as torres da catedral, do campanario e a de Nosa Señora. Tamén fomos visitar o museo Groeninge para coñecermos os antigos flamengos.
O luns despertamos con neve. Non se paraba co frío,  que tornaba os recunchos en imaxes de fotografías únicas.
              

O chocolate belga ten sona de ser un dos mellores do mundo. E sabe moito por certo. Hai unha chea de tendas repletas de bombóns de formas e sabores diferentes. Os escaparates sonvos verdadeiras obras de arte, como ben podedes comprobar na foto. 




Auga de febreriro fai bo palleiro (do refraneiro popular galego).