luns, 8 de abril de 2013

Exposicións en Ourense II

Fondo do almario 



No Centro Cultutal da Deputación de Ourense, tres artistas, tres mulleres do noso tempo, Anamusma, Cachito Álvarez e Zulema Sánchez, expuxeron os seus traballos. Traballos moi diferentes todos eles, non só polo que mostran senón tamén polos materiais e as temáticas que van dende o erotismo ata a reciclaxe e o consumismo.

Zulema Sánchez
Zulema Sánchez,  cunha aparente e despreocupada sinxeleza, trata aspectos cotiáns da vida. Xanelas, balcóns coa súa roupa estendida onde contrasta a dozura da súa obra coa rudeza dos materiais empregados (madeiras DM, armarios, resinas industriais...).
 
Anamusma

Anamusma –que ten no seu haber diversos proxectos alternativos para a comercialización da obra de arte mantén a condición de muller como fío argumental do seu traballo, onde se poden ver vestidos-cortiza ou obxectos cotiáns con tratamentos sorpendentes.
 


Cachito Álvarez

Cachito Alvarez, a única ourensá, aposta pola reciclaxe e a moda como elementos de diálogo artístico, e enche os espazos con composicións nas que usa teas, cordas, fotografías, botóns ou obxectos domésticos. 


No Centro tamén hai outra exposición:  15 Contos Breves e Extraordinarios, que é unha mostra do traballo conxunto de 15 persoas con diferentes (dis)capacidades e artistas contemporáneos galegos. Para alén de mostrar as 15 obras , tamén se pode ver a experiencia vivida a través das fotos. Creo que é a primeira experiencia ao redor da arte contemporánea e a discapacidade.

http://fotos01.laopinioncoruna.es/fotos/noticias/318x200/2012-10-15_IMG_2012-10-08_01.10.24__8457587.jpg
Parabens!!!!



 Un último apuntamento:
Estase a facer un ciclo de cinema en galego: "Nos vieiros da mente". Neste programa, inclúense un total de seis películas cuxa temática é a mente humana, facendo referencia a diversas patoloxías. Vanse proxectar na   Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Ferrol e Vigo. O acceso a estes ciclos é gratuíto até completar o aforamento.
O cartel é:  "Wilbur quérese matar", "Leaving las Vegas", "Unha mente marabillosa", "As virxes suicidas", "O aviador" e "O club da loita", cada xoves até o 23 de abril.










Que alegría de poder contar todas estas cousas!






"Abril e maio son as chaves do ano" (do refraneiro galego).

domingo, 7 de abril de 2013

Exposicións en Ourense I



"Da fantasía á realidade. Pintura en Galicia de 1833 a 1936"

"A nena e a volvoreta", 1936,  Julia Minguillón
A mostra é unha escolma de traballos de artistas descoñecidos para nós, como Villamil, Ovidio Murguía (fillo de Rosalía e Murguía), Llorens, Avendaño, Alfredo Souto, Sotomayor ou Julia Minguillón.

"Paisaxe con casa e barcos", 1907, Serafín Avendaño
A maioría das obras son as nosas paisaxes, a xente e particularidades do cotián. Como di o tríptico da exposición: "terra, xente e vida son os tres parámetros desde os que se estruturan as temáticas da mostra"

El emigrante, A. Rguez Castelao, 1916
Regreso del indiano, A. Rguez Castelao, 1918


As obras son todas das caixas de aforros galegas.














Movementos como o romanticismo, o realismo e o rexionalismo paséanse polas obras.










Cruceiro da Parda, Alfredo Souto, (1862-1940)

Anímovos a ver esta interesante mostra do noso. É ben agradábel de ver.
Nós tivemos a sorte de ter como guía o JulioArturoArmengolYamique, que nos levou pola exposición adiante como alumno avantaxado en arte.


Pódese desfrutar da exposición ata o 23 de xuño no Centro Social Novacaixagalicia, na Praza Maior de Ourense.


Polo dez de abril, cuco morto ou non quer vir  (do refraneiro galego).

sábado, 6 de abril de 2013

Xuntanza nas Curuxeiras

O Venres Santo xuntámonos todos os toleiráns, menos o Sixto, que viña de camiño, nas Curuxeiras.


Para alén de desfrutarmos dunhas cervexas no bar da aldea cuns petiscos de tortilla, e logo despois da excelente comida que nos tiñan preparada, desfrutamos tamén do seu xardín e da súa horta. Todo moi ben coidado e con moito xeito.

Mirade para aí que camelias!!!
Choveu todo o dia. Aínda asi achegámonos ata Allariz. Había para alí unha feira de artesáns no vello curtidoiro. O Arnoia levaba moitísima auga, de feito saírase do leito en Baños de Molgas o día antes.

  
Continuamos ata Ourense para ir tomar uns viños no "Bar Orellas". Probamos unha ración nova, de friame de lacón con grelos, e ata votamos e todo nun papelciño que nos deron para valorar a nova ración.


Cada vez hai menos fé!!!
O bar estaba a rachar de xente desfrutando dos petiscos e das racións, a maioria de porco.  E era Venres Santo!!!












Acabamos no café Bohemio con cafés e copas (sen alcol para os que tiñamos de conducir de volta).
O tempo pasou  en pórmonos ao día das nosas vidas, e en falarmos de novos proxectos e xuntanzas. Un día típico dos toleirans!!!
 
Especialmente para o XulioArturoArmengolYamique (foto do Café Bohemio)


Con este beixo, seguro que todos os toleiráns sorrides.
Diso se trata!!!





"En abril, céase con sol e déitase sen candil" (Refraneiro galego)