venres, 29 de marzo de 2013

Os menús coresmais



Os menús coresmais


En Santiago, do 22 ao 31 de marzo, aproveitando a Semana Santa, diferentes restaurantes e hoteis ofrecen menús coresmais con pratos de vixilia e cociña de mosteiros. O luns estivemos no restaurante "A Charca", que queda para alá na rúa do Franco, e pedimos potaxe de garavanzos e vieira ao forno, de primero; pescada á galega e robalo (ou robaliza) con grelos, de segundo; e para rematarmos, torrixas con canela. Todo de bocado de cardeal, que para iso estamos na Coresma.



O mercores, fomos a María, o Pepe e a Montse dos toleiráns ao restaurante do hotel AC Palacio del Carmen.

  Nun contorno requintado, nun comedor con mesas con manteis brancos, música estilo Enya, os teitos e os chans de madeira, as paredes de pedra decoradas cunha exposición de obras da Nuria Ruibal.


O trato non só foi correcto mais tamén cordial E SEMPRE EN GALEGO, cousa que os toleiráns valoramos moito moitísimo.






  
O menú foi potaxe de garavanzos con espinacas e améndoas, e empanada de sardiñas, de primero; bacallau con cebola caramelizada, mazás e pasas, de segundo; e, de sobremesa, torrixas á augardente con espetada de froita e xelado.


 









 O Pepe non quedou atrás e pediu ovo de chocolate recheado de caramelo e escuma de mango. Todo foi acompañado cun Godello de Joaquin Rebolledo... e todo deu para o nomeamento das cinco estrelas que ten o hotel.
  

Estas paixases estanvos a 5 minutos do centro de Santiago


 
Está mesmo á beira do río Sar, que baixaba todo cheo de auga porque van moitos días de chuvia que non para e amola os que viven aquí, pero que para nós engade un plus de encanto, de romanticismo e naturalidade.





 "A ra que en marzo raquea, en abril rabea" (Refraneiro galego)

xoves, 14 de marzo de 2013

Benvido Biel!!!

Hoxe, ás 15:05, naceu o Biel, o fillo da Lorena e do Rubén, neto do Sixto, sobriñoneto da María e meniño adoptivo dos toleirans!!!


                                      BENVIDO!!! 

Ai, que pequeno tan lindo,
tan bonito non o hai,
vou comerlle a cara a bicos
de bonitiño que está.
E durme, meu neno,
durme, meu amor,
que saíu a lúa,
tamén dorme o sol.
Ao meu neniño pequeno,
pequeno, como lle eu quero,
con vara e media de tea
fágolle un vestido e medio.
E durme, meu neno,
durme, meu amor,
que saíu a lúa,
tamén dorme o sol.


(Canción de berce: A bicos)







BENVIDO!!



luns, 11 de marzo de 2013

Seduïts per l'art


En 1955 o pianista Glenn Gould fixo en Nova York unha interpretación rupturista das Variacións Goldberg de J. Sebastian Bach. Atinxiu un grande éxito de vendas, e desde entón téñense feito diferentes versións e interpretacións.

  
O sábado pasado fomos ver e desfrutar dunha destas versións no concerto do músico Uri Caine e o seu grupo, no Caixa Fòrum. O Uri Caine, acompañado de piano, trompeta, saxo, clarinete, batería, violoncelo, un DJ e a voz da Barbara Walker, demostrounos como se pode mesturar o jazz e a música barroca.


Maisie Broadhead "Que non perdan dozura"

  O concerto era  complementario á exposición

  "Seduïts per l'art. Passat i present de la fotografia / Seducidos pola arte. Pasado e presente da fotografía", unha mostra  que relaciona a fotografía do século XIX con fotógrafos contemporáneos e mestres da historia da arte.  Anteriormente, expuxérase na National Gallery de Londres e agora está a exporse en Barcelona.
Ori Gersht "Blow up- sen título 5" 2007






 Marzo marzal: a maña, clara ; e a tarde, cara de can.
(Refraneiro popular galego)       
Hai máis de 40  obras provenientes de diferentes museos e de coleccións particulares.














As pinturas e as  fotografias antiguas e contemporaneas,  presentanas agrupadas en xéneros tradicionais, como o retrato, a natureza morta e as paisaxes para mostrarnos as relacions que hay entre elas tecnica e artisticamente falando.



domingo, 3 de marzo de 2013

NEVE


 
Empeza marzo cheo de neve como hai anos que non se acordaba. Os Pireneos están a vivir un inverno histórico pola gran cantidade de precipitacións, din os xornais.

Deixo unhas fotos que sacou o Pepe nesta fin de semana pasada, cando foi practicar esquí de fondo a Salardú, na estación de Pla de Beret.



Rúa de detrás do hotel


Salardú


As paisaxes son brancas, frías, ben típicas do inverno. Bonitas!



 A neve ten faces diferentes. Por unha banda, as estacións de esquí teñen garantida a temporada turística. Por outra banda, que é a parte negativa do choio, está a morte de animais como cervos, corzos e gamos pola falta de comida (en cotas de 1000 ou 1500 m a neve pode atinxir os 3 m de altura) e porque quedan atrapados (as nevadas sen xeadas fan que os animais se enterren até a barriga, mesmo que se metesen nunha trampa). Os gardas rurais levan localizados máis de cen cadáveres e pensan que pode haber máis.
Inverno!

A practicar o esquí de fondo







En marzo, podar e cavar, se queres colleitar (do refraneiro popular galego).