luns, 17 de setembro de 2012

ALBA DE GRORIA

O 25 de xullo deste ano foi un día agridoce. Os toleiráns queriamos, á falta de actos institucionais ou políticos, celebrar o Día de Galicia asistindo á presentación da revista Alborada do Centro Galego de Barcelona. Alí fomos e alí estivo a parte agre do día, porque non houbo nada de nada. Errou o Centro Galego no fondo e na forma. No fondo, porque non deron presentado a revista na data que eles puxeron e, na forma, porque non foron quen de avisar da suspensión do acto. E aínda por riba, soubemos que xusto o día 25 de xullo, o Día de Galicia, o Día da Patria Galega, o día que debería ser sagrado para calquera galego, o presidente do Centro Galego de Barcelona xa andaba... de vacacións. Hai feitos que se explican de seu e abondan os comentarios.

O doce puxémolo os toleiráns no bar Anduriña, cunha cea a base de pementos de Padrón, orella, lacón e polbo á feira, e brindándomos con Albariño por Galicia.

Por aquelas datas, Sixto mandárame o Alba de Groria de Castelao. Xa o tiña lido, pero volvino ler. Desta vez, con máis consciencia. Decateime do meu descoñecemento dos persoeiros da Santa Compaña de galegos ilustres que desfilan polo discurso, que é como dicir que descoñezo a historia de Galicia e mesmo a historia miña como filla de galegos que son. Unha idea lévame dando voltas na cabeza dende aquela, a de facer unha lectura pública, compartida, non erudita mais enriquecida coas suxestións de todas e de todos do Alba de Groria de Castelao. E que mellor espazo que este blogue? Obriga non hai ningunha; paixón, a que se quixer.

Daquela comezo a lectura do discurso pronunciado por Alfonso R. Castelao o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires. Hoxe abonda co seu fermosísimo título: Alba de Groria. Que gozo, que deleite de palabras!


luns, 10 de setembro de 2012

Antonio López na Fundació Sorigué


A FUNDACIÓ SORIGUÉ , en LLeida, presenta a primeira mostra do artista manchego Antonio López (Tomelloso, 1936) en Cataluña. Comisariada pola súa filla, María López, expóñense algo máis de cincuenta pezas.
Madrid desde Torres Blancas  (pintado no período 1976-1982)
Nesta exposición, debuxos, óleos e esculturas representan os seus temas más habituáis:  os interiores, a figura humana, as paisaxes e as grandes vías de Madrid. A maioría da xente considérao un pintor hiperrealista.


Casa de Antonio López Torres  (pintado no período 1972-75)

                  O seu tío, o tamén pintor Antonio López  Torres, foi quen o animou a que se dedicase á pintura.








María  (1972)
Está casado coa tamén pintora María Moreno, e ten dúas fillas, María e Carmen, das que hai numerosos e bonitísimos retratos.
Día 

 
Noite
Dúas esculturas de bronce, intituladas Día e Noite, colocáronse na Estación de Atocha no ano 2008. 
Agora Día e Noite pódense catar en dúas prazas de Lleida, na praza Sant Joan e na da Paeria, en canto está aberta a exposición, que vai rematar o 31 de decembro. Todas as obras que están postas neste blogue pódense ver tamén na exposición. 

Antonio López  na Fundació Sorigué ,co busto Mujer de Coslada  (feito en 2010) 

domingo, 2 de setembro de 2012

Adeus Verán

Xa está todo volvendo a recolocarse, cada cousa no seu sitio, a rotina, o cotián. Mañá principia setembro, e parece xa que acabou o verán.
Faro Punta Subrido

Faro Punta Robeira

Faro  Cabo do Home
Para non nos esquecer, deixo unhas fotos de faros que se erguen na península do Morrazo, preto de Bueu, en Donón. (A néboa estivo presente toda a mañá.)