luns, 19 de novembro de 2012

O MAGOSTO


O sábado día 10 xuntámonos os Toleiráns de Barna para celebrarmos o magosto.
O Sixto, dunha caixa metálica de chupa-chups, fixo nun tixolo moi xeitoso.
As castañas viñeron das Curuxeiras, nunha maleta. (Oh!, que gusto ir buscar o paquete-maleta!! Canto nos prestou abrilo, e ver esas castañas grandes e brillantes!)

Antes de comelas, preparamos pratos con queixos do país: Arzúa, San Simón, do Cebreiro..., pratos con chourizo da casa e unha boa ensalada. Para bebermos, viños da Ribeira Sacra que mercaramos na excursión do verán.





De sobremesa tiñamos medroños, panallets e tamén uns pasteis da mellor pastelaría de Lleida (a Tugues). O Pepe trouxo un excelente cava catalán, para acompañar.
Como podedes ver, moita xente colaborou para que tivésemos un moi bo magosto.







"Sementar en novembro e barbeitar en decembro."

sábado, 10 de novembro de 2012

SOFÍA

O Sixto ten unha unha nova compañeira: a Sofía.
Sofia  -como volo podería explicar eu-  é etérea, gasosa. Non se lle pode tocar. Porén, curiosamente, pode chegar queimar.
Sofía, ás veces, é un pouco pesada, sobre todo cando vai chea, porque pesa, pero dálle folgos ao Sixto, axúdao a vivir, a respirar aire puro. Necesítaa.  
Ten o pelo longo e dálle constantemente ao Sixto no nariz. A el encántalle, élle moi bo.
Onte sacouna a pasear por primeira vez. Levouna ás costas, nunha mochila tapadiña. Facían unha boa parella, unha gran parella. Presentóullela ao Pepe e á Montse. Estivo moi agradábel toda a noite e a cara do Sixto parecia outra. De feito, cando non está coa Sofía nótaselle.

Benvida aos Toleirans, Sofía!



Á dereita: o Sixto levando ás costas a Sofia na mochila.
Á essquerda: a nodriza da Sofía, a que lle dá de comer.





"Se no mes  de novembro sen abrigo vas, ou mui pobre es ou mui mal estás."

domingo, 4 de novembro de 2012

RAMÓN CONDE

Porta da entrada do Centro Cultural

Do 6 de setembro ao 11 de novembro, no centro cultural da Deputación de Ourense,  o escultor Ramón Conde* presenta unha serie de rostos con diferentes expresións. Alá estivemos o Artur/Xulio/Armengol/Yamique e mais eu, a desfrutar da exposición. Algunhas figuras aparecen asociadas a espellos cóncavos e convexos, que as distorsionan  e que che obrigan a interpretar as figuras manipuladas a través deles. Hai tamén composicións en que unha figura está diante doutra e mesmo parecen que teñen algo en común, aínda que sexan opostas. A maioría das caras sonvos gordechas e grandes. Tamén os corpos dos seus debuxos o son. Son todos moi exuberantes.
Foivos ben agradábel coñecer un novo artista galego, e aproveito para presentalo ao grupo.



(*)  Cando iamos indo para a exposición, o Artur/Xulio/Armengol/Yamique díxome que coñecía persoalmente o Ramón, que eran da mesma quinta e fixeran  a mili xuntos: "Xa daquela tiña moito xeito para debuxar, de modo que fixo un retrato de cada un dos compañeiros da compañía e regalóullelo a todos, a cada un o seu. A todos menos a un..., a min, porque non lle daba saído o debuxo da miña cara. Non gustou dun que fixo e rompeuno, non mo deu. Que lle queres, díxome que a miña cara non lle era nada boa de facer. Fun o único que non tivo o seu retrato".

Así che é a vida, meu queridiño. Ás veces, teres unha cara difícil castígate de tal maneira que acabas por non ter obras de arte na casa...



"Trinta días ten novembro, con abril, xuño e setembro; vinte e oito leva un; e os outros trinta un"