luns, 31 de decembro de 2012

Cera, 23

Hoxe acaba este ano, de modo que os mellores desexos para os toleiráns e para os que ledes este blogue. 
Temos de ser aínda máis felices que neste ano 2012!
                         

Ben, unha anotación sobre o Restaurante Cera 23, o nome fai referencia a súa localización, nesa rúa do Raval.
Lacón caramelizado




Este venres pasado fomos cear os toleiráns que quedamos por Barna. Estivemos a falar de proxectos e novas viaxes. Estas conversas encántannos.










Bonito con sésamo e puré de batata

O sitio é novo de hai pouco. Lévano tres rapaces, dous deles galegos (quedaron abraiados cando nos ouviron falar en galego vivindo en Barna). 

Os pratos: lacón cocido caramelizado (cortado moi fino como se fose xamón e respetando o mollo con pimentón doce e con piñóns: diferente pero bo, bo!), volcán de arroz negro con mollo de camembert, solombo de vitela, e cadrados de bonito en sésamo con puré de batata. Todo regado cun Mencía do Bierzo. De sobremesa, unha crema de mango moi fina e saborosa.

Cionvidáronos a chupito de augardente.









Estivemos moi ben atendidos. O sitio, cheo, e cando acaban as ceas convértese en pub musical, aberto ata as tres da mañá, de modo que alí quedamos a tomar a copa. 

A Montse probou un mojito de mora, invento da casa que lle soubo.

Os cervos dan voltas ao redor  porcausa do calor da vela. Desfrutamos como meniños!
                              
                                            Benvido, 2013!

sábado, 22 de decembro de 2012

CÓMO CELEBRAR O FIN DO MUNDO AZTECA

Estes días falábase do calendario azteca, do fin do mundo.
Decidímolo celebrar, por se fose o caso...



A Montse, o Pepe e mais eu achegámonos ao clube de jazz JAMBOREE para escoitarmos  o grupo La vella Dixieland & Marian Barahona (o Pepe e un gran coñecedor do jazz e foi súa a idea). O grupo toca de marabilla e contaron coa compañía da Marian Barahonda, que ten unha voz perfecta para cantar clásicos de jazz (da Billie Holliday, do Miles Davis...) e cancións preciosas como You are my sunshine
Saímos encantados e co ánimo disposto a morrer, se fose preciso.


Tartar de bonito e dourada, e berenxenas ao mel
Lagostinos salteados
Fomos cear alí ao bar Cañete, un local onde elaboran os pratos con moito coidado, moi saborosos. A boca enchéusenos de sabores: tartar de bonito e dourada, berenxena ao mel, lagostinos salteadas, segredo e vaca vella con foie ao estilo Rossini. Todas estas delicadezas acompañámolas cun viño branco de Valdehorras: Valdosil.

Segredo

Vaca vella con foie ao estilo Rossini
Pastel de chocolate
Terminamos a noite outra vez na praza Reial (que mudanza para ben está a facer esta praza; ten un punto romántico, unha categoría que antes non tiña). Fómoslle tomar algo alí ao Ocaña, un local enorme e moderno cunha restauración coidadísima que lle dá un toque moi chique. De certo, xa é un referente da noite de Barna.  (O nome do chilote fai honra ao pintor transgresor José López Ocaña, que viviu 12 anos na casa do lado.) Ás dúas da mañá, cando saímos, había fila para entrar.

Foi unha noite de nivel!


martes, 11 de decembro de 2012

TEATRO EN OURENSE

No mes de outubro xa tivera ocasión de desfrutar do FITO, Festival Internacional de Teatro de Ourense. Xuntamente co Arturo/Julio/Armengol/Yamique vin dúas obras: Kamouraska, da compañia galega Inversa teatro, no teatro Principal,  e Juicio a una zorra, da compañía Carmen Machi, no Auditorio.
Xa era a 5ª edición. Non só o pasei ben coas obras, moi diferentes por certo, senón que me sentín moi gratamente sorprendida do choio cultural que hai en Ourense. 


Agora, neste mes de decembro, continúo abraiada.

O mércores, o día 5, no teatro Principal, poidemos ver de balde a obra O home almofada, da compañia galega Il Maquinario. Fixeron dúas representacións, unha pola mañá para estudantes de bacharelato, ciclos formativos e grupos de teatro escolares, 285 rapaces en total, todo un éxito, e outra pola tarde, tamén case cheo, mais xa con xente de diferentes idades. (A concellaría de cultura da cidade está detrás deste proxecto.)

A obra son historias que suscitan debate e controversia, e ao mesmo tempo son lúdicas, todas elas con meniños como denominador común. Moi interesante; e o elenco, xenial: fanche arrepiar, rir, meten medo...
Na época en que estamos a vivir é todo un risco estes proxectos cheos de paixón e de artistas novos de diferentes compañías teatrais. 
Saímos todos contentos e encantados coa oferta cultural que se respira na cidade!!!



domingo, 9 de decembro de 2012

A MATANZA

Esta semana estivemos de matanza. 
Matamos o sábado á mañá, un porco grande (140 quilos) que saíu moi bo, moi magroso.



A copiña de licor café e o biscoito, para celebrarmos a matanza.

Axudáronnos, como sempre, os nosos primos de Guntimil (a matanza sen eles creo que sería imposíbel de facer, saben tanto...!). Tamén viñeron os das Curuxeiras, que teñen moi boa disposición para todo e axudan no que fixer falta: estremar as tripas, encher os chourizos, etc.


Acabados de facer.



O primeiro lareiro con chourizos.
Penso que fixemos todos as cousas típicas da matanza: as filloas, probar a freba (ou o raxo, como lle chaman noutras zonas) con pan cocido polo noso querido veciño o Nito, os roxóns, gardar o pingo, viño quente con azucre o día que enchemos os chourizos, e comer o fígado cos cachelos, empanada de zorza, a costela da desfeita, o arroz da soá...


O teito da cociña dos chourizos, ben cheo.

Pasámolo moi ben, que é do que se trata nesta festa.
A matanza é moita riqueza e abundancia.




luns, 19 de novembro de 2012

O MAGOSTO


O sábado día 10 xuntámonos os Toleiráns de Barna para celebrarmos o magosto.
O Sixto, dunha caixa metálica de chupa-chups, fixo nun tixolo moi xeitoso.
As castañas viñeron das Curuxeiras, nunha maleta. (Oh!, que gusto ir buscar o paquete-maleta!! Canto nos prestou abrilo, e ver esas castañas grandes e brillantes!)

Antes de comelas, preparamos pratos con queixos do país: Arzúa, San Simón, do Cebreiro..., pratos con chourizo da casa e unha boa ensalada. Para bebermos, viños da Ribeira Sacra que mercaramos na excursión do verán.





De sobremesa tiñamos medroños, panallets e tamén uns pasteis da mellor pastelaría de Lleida (a Tugues). O Pepe trouxo un excelente cava catalán, para acompañar.
Como podedes ver, moita xente colaborou para que tivésemos un moi bo magosto.







"Sementar en novembro e barbeitar en decembro."

sábado, 10 de novembro de 2012

SOFÍA

O Sixto ten unha unha nova compañeira: a Sofía.
Sofia  -como volo podería explicar eu-  é etérea, gasosa. Non se lle pode tocar. Porén, curiosamente, pode chegar queimar.
Sofía, ás veces, é un pouco pesada, sobre todo cando vai chea, porque pesa, pero dálle folgos ao Sixto, axúdao a vivir, a respirar aire puro. Necesítaa.  
Ten o pelo longo e dálle constantemente ao Sixto no nariz. A el encántalle, élle moi bo.
Onte sacouna a pasear por primeira vez. Levouna ás costas, nunha mochila tapadiña. Facían unha boa parella, unha gran parella. Presentóullela ao Pepe e á Montse. Estivo moi agradábel toda a noite e a cara do Sixto parecia outra. De feito, cando non está coa Sofía nótaselle.

Benvida aos Toleirans, Sofía!



Á dereita: o Sixto levando ás costas a Sofia na mochila.
Á essquerda: a nodriza da Sofía, a que lle dá de comer.





"Se no mes  de novembro sen abrigo vas, ou mui pobre es ou mui mal estás."

domingo, 4 de novembro de 2012

RAMÓN CONDE

Porta da entrada do Centro Cultural

Do 6 de setembro ao 11 de novembro, no centro cultural da Deputación de Ourense,  o escultor Ramón Conde* presenta unha serie de rostos con diferentes expresións. Alá estivemos o Artur/Xulio/Armengol/Yamique e mais eu, a desfrutar da exposición. Algunhas figuras aparecen asociadas a espellos cóncavos e convexos, que as distorsionan  e que che obrigan a interpretar as figuras manipuladas a través deles. Hai tamén composicións en que unha figura está diante doutra e mesmo parecen que teñen algo en común, aínda que sexan opostas. A maioría das caras sonvos gordechas e grandes. Tamén os corpos dos seus debuxos o son. Son todos moi exuberantes.
Foivos ben agradábel coñecer un novo artista galego, e aproveito para presentalo ao grupo.



(*)  Cando iamos indo para a exposición, o Artur/Xulio/Armengol/Yamique díxome que coñecía persoalmente o Ramón, que eran da mesma quinta e fixeran  a mili xuntos: "Xa daquela tiña moito xeito para debuxar, de modo que fixo un retrato de cada un dos compañeiros da compañía e regalóullelo a todos, a cada un o seu. A todos menos a un..., a min, porque non lle daba saído o debuxo da miña cara. Non gustou dun que fixo e rompeuno, non mo deu. Que lle queres, díxome que a miña cara non lle era nada boa de facer. Fun o único que non tivo o seu retrato".

Así che é a vida, meu queridiño. Ás veces, teres unha cara difícil castígate de tal maneira que acabas por non ter obras de arte na casa...



"Trinta días ten novembro, con abril, xuño e setembro; vinte e oito leva un; e os outros trinta un"

martes, 30 de outubro de 2012

"AS VOCES BAIXAS" Manuel Rivas



A libraría  Casa del  Llibre ten unha sala grande, con madeira no teito e no chan, con moita luz e  cunha parede toda chea de árbores tropicais. É unha sala en que se está a gusto, ben axeitada para unha presentación.

Neste ambiente, Manuel Rivas falou e reflexionou sobre a súa entrada aos 15 anos nun xornal como "meritorio", falou de como as máquinas de escribir botaban fume: cada carro das máquinas levaba un cinceiro apegado, e cada vez que movían o carro, subía unha nube de fume, nubes diferentes segúndo tabaco e a maneira como fumaba o xornalista.
Falou da súa primeira madalena composta por tinta, leite, e chumbo, situada no soto do xornal, que era onde traballaban os linotipistas coas velenosas pezas de chumbo que formaban as palabras.
Falou tamén da maxia do real, do seu primeiro medo, estaba coa súa irmá máis vella, a María, os dous na casa sós, e cando, alá ouviron ruídos fóra. Foron ver e a través da ventá  viron que había un pasarúas, con música e foguetes. De súpeto dous rostros enormes, monstruosos, bateron co nariz na ventá, e o que sentiron foi terror e fuxiron a correr, a esconderse no baño, pechados coa chave. Cando chegou a súa nai, busca os nenos, eles saen do seu agocho e a María cóntalle á súa nai o acontecido. Parviños!, contéstalles,  eran os reis católicos! Porque daquela todos os cabezudos eran os reis católicos, ainda que agora todos os reis podían ser cabezudos... acaba de contar Manuel.
Saímos a Montse e mais eu coa sensación de que podiamos pasar toda a tarde escoitando esas marabillosas historias  de Rivas.  Lembreime da escritora danesa de Memorias de África, K. Blisen, cando pasaba toda a noite a contar historias, e os seus dous amigos ao redor do lume escoitábana enlevados.




venres, 26 de outubro de 2012

OUTONO

A semana do 22 de octubro estiven no Mosteiro, fun ver a nai.

A sorpresa máis grata foi desfrutar das recolleitas, digo recolleitas porque había tantas cousas que recoller..., tanta abundancia, tanta riqueza, tantos cheiros. Froitos como uvas, mazás, peras, marmelos, milgrandas, amorodos, e logo despois as verduras, pementos, tomates, acelgas, verzas, nabizas, cabazos..., e logo despois as herbas recendentes, como a herba luísa, que está a secar, e cada vez que  remexo nela a cociña cheira a gloria.
Foron sensacións moi bonitas e agradábeis.
Tamén é moi bonito deixar recollida a horta. É diferente polo cansazo, pero dá xenio velo despois, todo tan arranxado. Sacar as estacas e deixalas alá ben postiñas  para o ano que vén, apañar todas as herbas que quedan do que estaba sementado, que son moitas..., en fin, cousiñas que fixeron darme de conta da marabilla do outono.


Cabazos, para acomodar os porcos.

domingo, 21 de outubro de 2012

ELECCIÓNS GALEGAS


Hoxe foron as eleccións en Galiza e xa se coñecen os resultados...

Non o entendo, quizais sexa pola sensación que ten a xente, que temos todos de que os políticos son uns raposeiros, uns rapineiros, uns "chorizos", que se di en castelán.

Que mágoa, meu Deus! 

Xuntanza en Barcelona

De novo estamos todos xuntos, desta vez en Barcelona, as vodas ás veces acarran estas boas cousas.

O venres 5 de outubro xuntámonos para cear, e coñecimos a encantadora Andrea, a  moza do Duarte.

A Mila explicounos un dito do José, seu pai, que di coa copa na man:








"Por vosotras, hijas de María, por vosotras,
se me levanta, 
se me levanta,
la conciencia al cielo,
pero que vos pensabades, feligresas"


Coido que dos toleiráns a Milagros é a que ten máis xeito para arremedar á xente, sempre nos fai rir. De modo que imitándoa, levantamos a copa tantas veces que algunha acabou así:

"Tanto dá a auga na pedra que a pedra creba"*
"Tantas veces vai a xerra á fonte que dunha vez rompe"*




Pasámolo moi ben.

(* ) "Diccionario Cumio de Expresións e frases feitas"



mércores, 10 de outubro de 2012

luns, 17 de setembro de 2012

ALBA DE GRORIA

O 25 de xullo deste ano foi un día agridoce. Os toleiráns queriamos, á falta de actos institucionais ou políticos, celebrar o Día de Galicia asistindo á presentación da revista Alborada do Centro Galego de Barcelona. Alí fomos e alí estivo a parte agre do día, porque non houbo nada de nada. Errou o Centro Galego no fondo e na forma. No fondo, porque non deron presentado a revista na data que eles puxeron e, na forma, porque non foron quen de avisar da suspensión do acto. E aínda por riba, soubemos que xusto o día 25 de xullo, o Día de Galicia, o Día da Patria Galega, o día que debería ser sagrado para calquera galego, o presidente do Centro Galego de Barcelona xa andaba... de vacacións. Hai feitos que se explican de seu e abondan os comentarios.

O doce puxémolo os toleiráns no bar Anduriña, cunha cea a base de pementos de Padrón, orella, lacón e polbo á feira, e brindándomos con Albariño por Galicia.

Por aquelas datas, Sixto mandárame o Alba de Groria de Castelao. Xa o tiña lido, pero volvino ler. Desta vez, con máis consciencia. Decateime do meu descoñecemento dos persoeiros da Santa Compaña de galegos ilustres que desfilan polo discurso, que é como dicir que descoñezo a historia de Galicia e mesmo a historia miña como filla de galegos que son. Unha idea lévame dando voltas na cabeza dende aquela, a de facer unha lectura pública, compartida, non erudita mais enriquecida coas suxestións de todas e de todos do Alba de Groria de Castelao. E que mellor espazo que este blogue? Obriga non hai ningunha; paixón, a que se quixer.

Daquela comezo a lectura do discurso pronunciado por Alfonso R. Castelao o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires. Hoxe abonda co seu fermosísimo título: Alba de Groria. Que gozo, que deleite de palabras!


luns, 10 de setembro de 2012

Antonio López na Fundació Sorigué


A FUNDACIÓ SORIGUÉ , en LLeida, presenta a primeira mostra do artista manchego Antonio López (Tomelloso, 1936) en Cataluña. Comisariada pola súa filla, María López, expóñense algo máis de cincuenta pezas.
Madrid desde Torres Blancas  (pintado no período 1976-1982)
Nesta exposición, debuxos, óleos e esculturas representan os seus temas más habituáis:  os interiores, a figura humana, as paisaxes e as grandes vías de Madrid. A maioría da xente considérao un pintor hiperrealista.


Casa de Antonio López Torres  (pintado no período 1972-75)

                  O seu tío, o tamén pintor Antonio López  Torres, foi quen o animou a que se dedicase á pintura.








María  (1972)
Está casado coa tamén pintora María Moreno, e ten dúas fillas, María e Carmen, das que hai numerosos e bonitísimos retratos.
Día 

 
Noite
Dúas esculturas de bronce, intituladas Día e Noite, colocáronse na Estación de Atocha no ano 2008. 
Agora Día e Noite pódense catar en dúas prazas de Lleida, na praza Sant Joan e na da Paeria, en canto está aberta a exposición, que vai rematar o 31 de decembro. Todas as obras que están postas neste blogue pódense ver tamén na exposición. 

Antonio López  na Fundació Sorigué ,co busto Mujer de Coslada  (feito en 2010) 

domingo, 2 de setembro de 2012

Adeus Verán

Xa está todo volvendo a recolocarse, cada cousa no seu sitio, a rotina, o cotián. Mañá principia setembro, e parece xa que acabou o verán.
Faro Punta Subrido

Faro Punta Robeira

Faro  Cabo do Home
Para non nos esquecer, deixo unhas fotos de faros que se erguen na península do Morrazo, preto de Bueu, en Donón. (A néboa estivo presente toda a mañá.)

mércores, 29 de agosto de 2012

Ceos de verán en Galiza




Antes de acabar o mes, gustaría de pór neste blogue algúns ceos deste verán. Anímovos a que poñades as fotos que mellor vos parecer do verán e da nosa terra .

luns, 20 de agosto de 2012

A Ribeira Sacra

A idea de irmos á Ribeira Sacra foi todo un éxito, pola la idea e por como o fixemos. Contratamos un viñobus, que é unha furgoneta con guía. Desta vez foi a Lourdes quen nos fixo unha rota personalizada, con mosteiros e adegas, e foi tamén a nosa condutora. Os mosteiros que visitamos foron o de Santo Estevo e o de Santa Cristina de Ribas do Sil, beneditinos os dous e do século X.

Traballos de verán

Este ano foi especialmente bo para as claudias (ou ameixas): grandes, amarelas, doces e moi saborosas, había ben delas, así que aproveitei para facer marmelada. 






Así estaban de cheas as claudieiras, e este foi o resultado:

luns, 13 de agosto de 2012

As Curuxeiras

Xa estamos todos os toleiráns en Galicia.
Hoxe á tarde estiven nas Curuxeiras, co Arturo/Julio/Armengol/Ya
mique e a Milagros, que teñen un xardín ben bonito por certo, e da horta xa mellor non falar, con pementos de Padrón, feixóns, cebolas, ata azafrán. Dá xenio mirar para el, todo tan ben posto e tan xeitoso.
O xoves, se non hai novidade, como din por aquí, os toleiráns imos facer unha excursión á Ribeira Sacra.




Unhas imaxes das milgrandas das Curuxeiras que están a florecer. Aaai, que bonitas!!! 

Hai un microclima que axuda a terra a dar froitos para aí un mes antes que na Limia, por exemplo. Madia a levan! 

domingo, 29 de xullo de 2012

CHUPETA CON MENSAXE

O pasado venres 27 de xullo, xuntámonos como cada venres os toleiráns de Barcelona. Despois de escoitarmos música clásica no parque da Cidadela, fomos tomar uns petiscos (montaditos) ao Txakolí que está diante da estación de Francia. Alí démoslle ao Sixto o pequeno agasallo que se pode ver na foto. Ben seguro que sensible como é, pero tamén científico e racional, ha de saír e ha de ir visitar unha libraría, á procura dun libro que lle explique como facer para xestionar as emocións de avó que empezan a bulir no seu interior. E é que a mensaxe da chupeta é moi clara e directa... Lede aí na foto, lede o que pon.


Aproveito para lles mandar parabéns toleiráns aos futuros papás, Lorena e Rubén.

sábado, 28 de xullo de 2012

VACACIÓNS

Está a piques de acabar o mes de xullo e comezar agosto, mes que trae engadida a palabra vacacións, nomeadamente para os que traballamos, os de Barna: o Artur/Xulio/Armengol/Yamique e a Milagros xa están noutro nivel...


De agora en diante, habémonos de ver todos en Galicia.  (Foto: río Limia)



Onte fomos dar unha volta polo parque da Cidadela, escoitando un concerto do programa Música als Parcs: ben agradable, calidade e o espazo inmellorable.  
                                                                                                       
La Banda Municipal, al aire libre. Abajo, cartel.

xoves, 26 de xullo de 2012

Día da Patria Galega


Roma 2012
Onte, 25 de xullo, foi o Día da Patria Galega.
Estaba previsto un acto no centro galego, onde se ía presentar a revista do centro, digo "se ía presentar" porque por fin non se presentou, e os que alá fomos atopámonos con que se cancelara o acto. Alguén avisara?, Alguén dixera algunha cousa? (Ai, é que aínda non acabamos de corrixir a revista, é que non nos deu tempo de avisar, a persoa que envía as mensaxes por correo electrónico está de vacacións...). Persoalmente, incomodoume esa falta de responsabilidade e esa falta de atención para os socios do centro. A xente organízase para asistir nun día tan importante para os galegos. Confiemos en que non volva pasar...
Acabamos o día ceando nun bar galego, o Anduriña, e brindándomos por Galicia.