martes, 30 de outubro de 2012

"AS VOCES BAIXAS" Manuel Rivas



A libraría  Casa del  Llibre ten unha sala grande, con madeira no teito e no chan, con moita luz e  cunha parede toda chea de árbores tropicais. É unha sala en que se está a gusto, ben axeitada para unha presentación.

Neste ambiente, Manuel Rivas falou e reflexionou sobre a súa entrada aos 15 anos nun xornal como "meritorio", falou de como as máquinas de escribir botaban fume: cada carro das máquinas levaba un cinceiro apegado, e cada vez que movían o carro, subía unha nube de fume, nubes diferentes segúndo tabaco e a maneira como fumaba o xornalista.
Falou da súa primeira madalena composta por tinta, leite, e chumbo, situada no soto do xornal, que era onde traballaban os linotipistas coas velenosas pezas de chumbo que formaban as palabras.
Falou tamén da maxia do real, do seu primeiro medo, estaba coa súa irmá máis vella, a María, os dous na casa sós, e cando, alá ouviron ruídos fóra. Foron ver e a través da ventá  viron que había un pasarúas, con música e foguetes. De súpeto dous rostros enormes, monstruosos, bateron co nariz na ventá, e o que sentiron foi terror e fuxiron a correr, a esconderse no baño, pechados coa chave. Cando chegou a súa nai, busca os nenos, eles saen do seu agocho e a María cóntalle á súa nai o acontecido. Parviños!, contéstalles,  eran os reis católicos! Porque daquela todos os cabezudos eran os reis católicos, ainda que agora todos os reis podían ser cabezudos... acaba de contar Manuel.
Saímos a Montse e mais eu coa sensación de que podiamos pasar toda a tarde escoitando esas marabillosas historias  de Rivas.  Lembreime da escritora danesa de Memorias de África, K. Blisen, cando pasaba toda a noite a contar historias, e os seus dous amigos ao redor do lume escoitábana enlevados.




venres, 26 de outubro de 2012

OUTONO

A semana do 22 de octubro estiven no Mosteiro, fun ver a nai.

A sorpresa máis grata foi desfrutar das recolleitas, digo recolleitas porque había tantas cousas que recoller..., tanta abundancia, tanta riqueza, tantos cheiros. Froitos como uvas, mazás, peras, marmelos, milgrandas, amorodos, e logo despois as verduras, pementos, tomates, acelgas, verzas, nabizas, cabazos..., e logo despois as herbas recendentes, como a herba luísa, que está a secar, e cada vez que  remexo nela a cociña cheira a gloria.
Foron sensacións moi bonitas e agradábeis.
Tamén é moi bonito deixar recollida a horta. É diferente polo cansazo, pero dá xenio velo despois, todo tan arranxado. Sacar as estacas e deixalas alá ben postiñas  para o ano que vén, apañar todas as herbas que quedan do que estaba sementado, que son moitas..., en fin, cousiñas que fixeron darme de conta da marabilla do outono.


Cabazos, para acomodar os porcos.

domingo, 21 de outubro de 2012

ELECCIÓNS GALEGAS


Hoxe foron as eleccións en Galiza e xa se coñecen os resultados...

Non o entendo, quizais sexa pola sensación que ten a xente, que temos todos de que os políticos son uns raposeiros, uns rapineiros, uns "chorizos", que se di en castelán.

Que mágoa, meu Deus! 

Xuntanza en Barcelona

De novo estamos todos xuntos, desta vez en Barcelona, as vodas ás veces acarran estas boas cousas.

O venres 5 de outubro xuntámonos para cear, e coñecimos a encantadora Andrea, a  moza do Duarte.

A Mila explicounos un dito do José, seu pai, que di coa copa na man:








"Por vosotras, hijas de María, por vosotras,
se me levanta, 
se me levanta,
la conciencia al cielo,
pero que vos pensabades, feligresas"


Coido que dos toleiráns a Milagros é a que ten máis xeito para arremedar á xente, sempre nos fai rir. De modo que imitándoa, levantamos a copa tantas veces que algunha acabou así:

"Tanto dá a auga na pedra que a pedra creba"*
"Tantas veces vai a xerra á fonte que dunha vez rompe"*




Pasámolo moi ben.

(* ) "Diccionario Cumio de Expresións e frases feitas"



mércores, 10 de outubro de 2012