sábado, 25 de outubro de 2014

48h OPEN HOUSE BCN



O 25 e o 26 de outubro estamos a celebrar en Barcelona a quinta edición do 48 h Open House, unha cita da cidade coa arquitectura, onde se poden visitar edificios e espazos de interese que polo xeral non están abertos ao público. A tipoloxía dos edificios ou espazos visitables é moi variada, reflexo da complexidade das construcións que nos arrodean.



Hotel Espanya (detalle)





Os edificios agrúpanse por distritos. Nós escollemos o de Ciutat Vella, que é o distrito máis visitado. Son 33 espazos xestionados maiormente por voluntarios encargados das filas de xente e das visitas guiadas. Noutros casos son os autores, os usuarios, os propietarios ou o estudantado de Arquitectura quen, de balde, explican a historia ou o proxecto do espazo que se está a visitar.

O que visitamos nós? Como non dá tempo para ver todos os edificios, escollemos os seguintes:

  • Pazo Moja
  • Sala Parés
  • Pazo da Virreina
  • Colexio de Arquitectos de Barcelona
  • Hotel Espanya
  • Ca La Dona
Imos facer dous grupos: nun deles predomina o aspecto artístico, e no outro, o arquitectónico. No primero están o Pazo Moja, o Pazo da Virreina e o Hotel Espanya. No segundo, o resto.









Pazo Moja

Pode chamar máis este pazo. Ten a entrada principal pola rúa Portaferrissa. Na época en que se construíu, a fachada das Ramblas tocaba coa muralla de Barcelona. Derrubada a muralla, as Ramblas convertéronse nun arroio e, co tempo, urbanizáronse e chegaron a ser un paseo, a pedimento da burguesía catalá, para poder chegar sen problemas ao Liceo. O pazo foi residencia do negreiro Antonio López López, marqués de Comillas. Ten un elegante salón nobre con pinturas de Francesc Pla, o Vigatà. Os Comillas acabaron emparentando con outra das familias poderosas de Barcelona, os Güell.

Salón nobre do Pazo Moja





Pazo da Virreina

Este pazo é un exemplo do barroco civil catalán. Foi subido entre 1772 e 1778. Nel vivíu o famoso virrei Amat, que non é outro que Manuel Amat, virrei do Perú. Aínda que morreu novo, a súa viúva, María Fivaller, seguiu vivindo nel, o que fixo que o pobo lle chamase o pazo da virreina. O arquitecto foi Josep Ausich, e o escultor, Carles Grau. Hai dous patios interiores e nun deles, nas esquinas encurvadas, hai catro esculturas en relevo a prol das catro virtudes militares: a prudencia, a xustiza, a templanza e a valentía. Máis adiante, o novo dono do pazo, Josep Carreras, permitiu o paso dende a Ramblas até a Boqueria.













Hotel Espanya



Comezou co nome de Fonda Espanya. No ano 1903 foi reformado polo arquitecto modernista Lluís Domènech i Montaner. Destaca o Salón das Sereas, en lembranza duns baños que alí houbo. Visitamos tamén o patio distribuidor, cun dos primeiros ascensores que houbo en Barcelona; o bar das tertulias, cunha cheminea de alabastro; e o restaurante, con teitos de madeira e mosaicos de flores. Cómpre ter moi en conta que a construción aínda é a orixinal.



















Salón das Sereas





Sala Parés

De 1840, é a galería de arte máis antiga do Estado español. No ano 1987 foi obxecto dunha renovación que conxuntaba a tradición e a modernidade. As catro columnas de ferro e a lanterna central convértense en protagonistas, ao redor das cales organízase o espazo, que transmite unha serenidade clásica.





Colexio de Arquitectos de Catalunya

É obra de Xavier Busquets (1962). Consta de dúas partes: un corpo baixo, de forma trapezoidal, onde están a sala de exposicións e a sala de actos, e unha torre alta de oito andares. Picasso, amigo de Busquets, debuxou os tres frisos exteriores, coñecidos como frisos do Mediterráneo, e os dous interiores do primeiro andar, que foron esgrafiados polo artista noruegués Carl Nesjar. Actualmente, Santi Vila está a realizar o proxecto para a rehabilitación do edificio de oito andares.
Engadir que para nós foi unha auténtica ledicia descubrir, a través da exposición que hai arestora no Colexio de Arquitectos, a gran personalidade artística de Josep Mª Jujol, xa que foi arquitecto, debuxante, pintor, escultor e deseñador de mobles.

Mural interior 

























Ca La Dona





























Edificio de gran valor patrimonial, pois unha das súas paredes ten incorporados catro arcos dun dos dous acuedutos que traian auga para Barcino. Por mor da crise económica, só se rehabilitou o andar térreo. Faláronnos tres mulleres: a que nos presentou Ca La Dona e a súa esencia, a que nos explicou a parte técnica da rehabilitación e a que nos guiou pola exposición de FemArt.
























A primeira muller que nos atendeu, profesora de latín, transmitiunos o seu gran compromiso coa causa feminista. A segunda, arquitecta, falou con entusiasmo dos traballos e dos problemas da rehabilitación, sempre co respecto como bandeira: respecto pola situación do edificio, respecto por conservar todo o que é posible (pozos, arcos de diferentes épocas, paredes, pedras medievais, xacigos, etc.), respecto polo medio ambiente e, sobre todo, respecto polas decisións das mulleres que alí traballan. A terceira, unha muller moi nova, informounos dalgunhas obras expostas na 20ª edición de FemArt, que este ano leva por título "Cos desobedient" ("Corpo desobediente").









"Outubro quente, inverno detente; outubro a friar, inverno a escoar" (Refraneiro galego)





Ningún comentario:

Publicar un comentario