O 25 de xullo deste ano foi un día agridoce. Os toleiráns queriamos, á falta de actos institucionais ou políticos, celebrar o Día de Galicia asistindo
á presentación da revista Alborada do
Centro Galego de Barcelona. Alí fomos e alí estivo a parte agre do día, porque non houbo nada de nada. Errou o Centro Galego no fondo e na forma. No fondo, porque
non deron presentado a revista na data que eles puxeron e, na forma, porque non
foron quen de avisar da suspensión do acto. E aínda por riba, soubemos que xusto
o día 25 de xullo, o Día de Galicia, o Día da Patria Galega, o día que debería
ser sagrado para calquera galego, o presidente do Centro Galego de Barcelona xa andaba... de vacacións. Hai feitos que se explican de seu e abondan os
comentarios.
O doce puxémolo os toleiráns no bar Anduriña, cunha cea a base de pementos de Padrón, orella, lacón e polbo á feira, e
brindándomos con Albariño por Galicia.
Por aquelas datas, Sixto mandárame o Alba de Groria de Castelao. Xa o tiña
lido, pero volvino ler. Desta vez, con máis consciencia. Decateime do meu
descoñecemento dos persoeiros da Santa Compaña de galegos ilustres que desfilan
polo discurso, que é como dicir que descoñezo a historia de Galicia e mesmo a
historia miña como filla de galegos que son. Unha idea lévame dando voltas na
cabeza dende aquela, a de facer unha lectura pública, compartida, non erudita
mais enriquecida coas suxestións de todas e de todos do Alba de Groria de Castelao. E que mellor espazo que este blogue? Obriga non hai ningunha; paixón, a que se
quixer.
Daquela comezo a lectura do discurso pronunciado por Alfonso R. Castelao o
25 de xullo de 1948 en Bos Aires. Hoxe abonda co seu fermosísimo título: Alba de Groria. Que gozo, que deleite de
palabras!
Ningún comentario:
Publicar un comentario