sábado, 19 de xaneiro de 2013

Café-faladoiro coa Sabela

Onte, venres día 18, achegámonos ao Centro Galego de Barcelona para escoitar a Sabela Labraña, benquerida e entusiasta profesora de galego de case todos nós, na conferencia intitulada Pode sobrevivir o galego co sistema educativo actual en Galiza?



Primeiro, a Sabela fixo un percorrido de  lembranza desde a Idade Media, cando o galego falábao todo o mundo e cunha literatura esplenderosa recoñecida mundialmente; seguiu a falar  dos séculos escuros cos Reis Católicos, o Rexurdimento con Rosalía, Curros e Pondal, (unha anécdota das moitas da charla que me chamaron atención foi que entre Rosalía e Murguía, loitadores polo prestixio da lingua, na casa falaban castelán), Irmandades da Fala, Xeración Nós, Editorial Galaxia, o gran traballo que fan os galegos na emigración, os decretos  que autorizan a entrada das linguas rexionais na escola no 1975, o problema da normativa liguistica en Galiza (non temos un Pompeu Fabra como en Cataluña, cos problemas que iso crea no ensino), a división da poboación dos que estan a favor o en contra do galego, dos  cursos de galego para adultos para que os galegos coñezan a lingua... até chegarmos ao momento actual: os falantes de galego estan a baixar, segue a división coa escolaridade en galego, decreto de Feijoo de plurilinguismo... 

E agora, que vai pasar? No faladoiro comentouse a importancia da fala cos fillos, a importancia da escrita e a necesidade de máis axuda da Administración. 

Pensamos que todo cómpre, mais o futuro está en nós, nos galegos, na consciencia de galeguidade, do noso.

O Goberno Galego tiña de saber que disparar contra a lingua é disparar contra a alma da identidade galega. Tamén tería de crer no pobo galego, axudar e dar exemplo.

Moi interesante o faladoiro.


Aproveito para mostrar algúns dos pósters da exposición "Nós Mesmos" Asociacionismo Galego na Emigración, organizada polo Consello da Cultura Galega. Van ligados ao que estivo a falar a Sabela sobre o gran traballo dos galegos na emigración.

 




















"En xaneiro, sete capelos e un sombreiro" (do refraneiro popular galego). 












C


Ningún comentario:

Publicar un comentario