luns, 28 de xaneiro de 2013

O legado de J. Pollock

O xoves pasado achegámonos a Montse a mais eu á Fundación Miró: Explosión! O legado de J. Pollock: 68 obras de 35 artistas diferentes.


1950: fotografia do Hans Namuth para a revista LIFE



Jacson Pollock (1912-1956) foi o primeiro pintor que tirou a tea do cabalete, estendeuna no chan e deixou que fosen caendo as pingas ao chou en canto ía andando por riba ela. 
Este novo concepto de pintar, a acción de pintar de seu, mesmo orixinou unha nova terminoloxía que inclúe painting (pinturilar), happening (acontecemento), performance (actuación), e formulacións máis conceptuais na pintura: non só ten importancia o resultado final mais tamén as ideas e os novos métodos durante o proceso creativo.





Así, aparecen os artistas que viviron a explosión do novo concepto da arte: eis as pinturas feitas cos pés de Kazuo Shiraga, as obras resultado de guindar botellas cheas de pintura de Shozo Shimamoto ou as que son produto dos disparos feitos contra globos de pintura da Niki de Saint Phalle, as actuacións de modelos espidas usadas como pinceis por Yves klein... Son conceptos moi novos para nós, mais fascinantes ao mesmo tempo.


Janine Antoni: o corpo é o protagonista na acción de pintar.

Para o comisario, Magnus Petersen, a exposición, máis que unha colección de obras, é «unha mostra de prácticas artísticas xurdidas a partir da pintura de Pollock e o movemento Gutai».

Nós as dúas saímos ben contentas, como meniñas entusiasmadas polo que temos que aprender e coñecer sobre a arte!!!




"Ao lobo en xaneiro, sábelle o can como carneiro" (do refraneiro popular galego).

Ningún comentario:

Publicar un comentario